sexta-feira, 28 de setembro de 2007

Obxectivos e princípios da CIG

Obxectivos

Recollendo do património comun aquelas ideas forza máis reveladoras da nosa razón de ser como organización, explicitamos como obxectivos da CIG os seguintes:

* A mellora progresiva e xeral, individual e colectiva dos intereses das traballadoras e dos traballadores, da própria organización e do conxunto da sociedade galega, das condicións laborais e da calidade de vida.

* O Marco Galego de Relacións Laborais e a construción da Central Sindical Única Galega.

* A aprofundación democrática e social constante cara a achegar-nos a unha nova sociedade máis xusta e máis humana, sen explotación económica nen opresión política, caisquer que sexan as formas en que estas se manifesten. Por iso pretendemos a superación do sistema capitalista e a construción do socialismo.

* O pleno exercício de todos os direitos humanos, individuais e sociais, sen discriminacións, incluído o de Autodeterminación.

* Promovermos o máximo respeito á dignidade humana, a paz, a democrácia, a xustiza social e a igualdade, a aplicación da Declaración Universal dos Direitos Humanos através da acción colectiva das traballadoras e dos traballadores. Fomentarmos a solidariedade internacional, o bo entendimento e a boa vontade universais, o antimilitarismo, a solución pacífica dos conflitos, o desarmamento e a reconversión da indústria militar en civil, asi como unha nova orde internacional xusta.

* Exixirmos a utilización pacífica, racional e ao servizo de toda a Humanidade dos avanzos científicos e tecnolóxicos, e impulsarmos modelos produtivos enerxéticos fundamentados ecoloxicamente.

* Loitarmos contra toda forma de racismo, xenofóbia ou prexuízo e discriminación na sociedade en razón de sexo, estado civil, enfermidade, idade, língua, relixión, opinión política, opción sexual, posición social ou económica, orixe étnica, nacional ou cultural.

* Impulsarmos a participación sociopolítica e a inserción laboral e profisional das mulleres e mocidade na sociedade, asegurando a igualdade de oportunidades e a auséncia de discriminacións, pularmos, de modo especial, polo seu papel dirixente nas organizacións sindicais.

* Elevarmos e defendermos os direitos sindicais da afiliación através do apoio xurídico, laboral, etc., ante os organismos e foros que for necesário. Fomentarmos a organización e a solidariedade e o apoio mútuo como mecanismo de defensa dos seus intereses.

* Promovermos as estruturas e accións necesárias para a plena integración na sociedade dos grupos máis desfavorecidos, co obxecto de eliminarmos as bolsas de extrema pobreza e marxinalidade combatendo as causas que as producen.

* Pularmos pola completa normalización lingüística do idioma próprio de Galiza.


Princípios

Sindicalismo de clase: A CIG é unha organización sindical que afirma, dia a dia, o seu carácter de clase, adoptando as decisións que en cada momento considera, para mellor defender os intereses imediatos e xerais das traballadoras e dos traballadores galegos na perspectiva da transformación social.

Nacionalismo: A CIG define-se como unha organización nacionalista porque Galiza é unha nación sen soberania política, ao servizo de intereses alleos, submetida e dependente económica, política e culturalmente. A procura da nosa soberania e o exercício do direito de Autodeterminación son para nós irrenunciábeis. Desde a nosa independéncia e autonomia sindicais, reclamamo-nos parte do movimento nacionalista galego.

Autoorganización: Entendendo que nengun dos principais problemas de Galiza se pode resolver favorabelmente aos intereses do noso povo se este non toma consciéncia da sua própria identidade e traduce esa consciéncia en organizacións próprias e soberanas, a CIG é expresión da autoorganización das traballadoras e dos traballadores galegos.

Solidariedade e internacionalismo: A CIG garante a unión e solidariedade de todos os traballadores e traballadoras con independéncia do sector no que ocupen as suas actividades, do território onde vivan ou das diferenzas e obstáculos que poidan existir. Asi mesmo, estamos vencellados á loita comun dos traballadores e das traballadoras do mundo pola sua completa emancipación e á dos povos que loitan pola sua liberación nacional.

Democrácia e participación: A CIG entende a democrácia como valor universal, garante a igualdade de direitos da súa afiliación, asegura o funcionamento democrático de todos os seus órgaos de dirección e elexe todos os seus cargos democraticamente. Fomenta a participación sindical e as asembleas de afiliados e afiliadas, asi como as dos traballadores e traballadoras, como método para evitar o individualismo, o corporativismo e a burocrácia, e como unha maneira de facilitar a corresponsabilidade nos debates e na toma de decisións.

Independéncia: A CIG é independente e soberana na toma de decisións. Autogoverrn-ase e non está suxeita a control de nengun partido político, grupo de poder económico, ideolóxico ou relixioso.

Pluralismo: A CIG é unha organización plural. Nela conviven distintas sensibilidades e xeitos de entender a nosa sociedade, todas elas lexítimas e enriquecedoras. Respeita e fai respeitar a liberdade interna e a diversidade de opinións políticas e ideolóxicas, tanto individuais como colectivas. Garante a libertade de expresión e pensamento sen restricións de nengunha caste, cumpre e fai cumprir os Estatutos dos que libre e voluntariamente se dota.

Transformación: A CIG é unha organización sindical transformadora. Para mellor defender e facer realidade os seus obxectivos, participa na vida sócio-política e fomenta, asi mesmo, a participación máis activa da sua afiliación.

Unidade: A CIG persegue a máis completa unidade dos traballadores e das traballadoras de Galiza nunha Central Sindical Única Galega. Asi mesmo, propiciará a máis ampla e posíbel unidade de acción sindical para acadar os obxectivos fixados.

Normalización: A CIG expresa-se en galego, o cal defende como único idioma oficial de Galiza e promove a sua completa normalización. Respeita o uso das distintas formas de escrita entre a sua afiliación.

________________

Nenhum comentário: